Saturday 04 de May de 2024

Unanimidade do Pleno de Oroso á hora de pedirlle ao Goberno a reinversión do superávit de 2007, que podería superar os 550.000 euros


O alcalde Manuel Mirás apunta que “no caso de Oroso estamos falando dunha achega de máis de 550.000 euros que poderíamos destinar a investimentos en beneficio dos veciños e veciñas”

O pleno municipal de Oroso aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal socialista para instar ao Goberno de España a que permita ás entidades locais reinvestir o seu superávit en 2017 sen necesidade de xerar novos ingresos polo mesmo importe. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “no caso de Oroso estamos falando dunha achega que posiblemente ascenda a máis de 550.000 euros, que poderíamos destinar a investimentos en beneficio dos nosos veciños e veciñas”.

O voceiro municipal socialista, Antonio Leira, defendeu que “nestes momentos os concellos convertémonos na administración máis cumpridora cos obxectivos marcados, por iso é ineludible que o Goberno atenda as demandas do conxunto das entidades locais e nos permita utilizar o superávit”. “O obxectivo é poñer os intereses da veciñanza por diante de calquera outro e seguir levando a cabo investimentos, desenvolvemento e o fortalecemento do Estado do Benestar”, explicou Leira Piñeiro.

Tesoureiros

A outra moción aprobada na sesión, nesta ocasión cos 6 votos a favor de PSOE e BNG e as 5 abstencións de PP e Anova, foi unha proposta do grupo socialista para que instar ao Goberno a modificar con urxencia a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local no referido á obriga de que as funcións de tesourería sexan desempeñadas por funcionarios con habilitación nacional en todos os Concellos de menos de 20.000 habitantes, así como prorrogar de xeito inmediato a non obrigatoriedade de habilitación nacional para os tesoureiros dos Concellos de menos de 5.000 habitantes.

Antonio Leira lembrou que “a día de hoxe, os nomeamentos existentes non son suficientes para cubrir as vacantes actuais de Galicia” e advertiu que “os salarios dun tesoureiro con habilitación nacional suporá un gasto engadido e difícil de asumir por moitos concellos, ademais de supoñer unha flagrante contradición coa Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local”.

Na parte dispositiva, o pleno aprobou sen debate as actas plenarias, a rectificación anual do inventario municipal e a desafectación do tramo de camiño número 4 dun camiño público no lugar de A Torre, na parroquia de Senra.